Século V a. n. e. – I d. n. e.

PRESENTACIÓN

A paisaxe do Noroeste peninsular durante a Idade do Ferro, entre o século IX a. n. e. (antes da nosa era) e a chegada do Imperio Romano no século I a. n. e., está organizado ao redor dos Castros, aldeas autónomas, amuralladas e na súa maioría emprazadas en lugares dominantes.

Este é caso do Castro de Centroña-Perbes, localizado no límite entre os municipios de Miño e Pontedeume, nun pequeno outeiro no extremo dun contraforte a media ladeira, na aba sur do Monte de Bréamo, a 193 msnm e a pouco máis de 1 km da costa.

RECREACIÓN HIPOTÉTICA DA VIDA NO CASTRO EN ÉPOCA GALAICO-ROMANA.

Dada a ausencia de escavacións arqueolóxicas que nos permitan coñecer a fondo este xacemento, podemos datalo entre a Segunda Idade do Ferro e unha continuídade trala conquista romana do noroeste peninsular, entre os séculos V a. n. e. e o I d. n. e. (despois da nosa era). Pero o que si é evidente, tras realizar no 2025 cartografía LIDAR, é a complexidade das súas estruturas defensivas, moi destacadas na paisaxe que o converten nun castro singular dentro do Golfo Ártabro.

O xacemento

O xacemento presenta un recinto principal ou croa de planta oval, delimitada por un parapeto  que, cando menos en parte, corresponde a unha muralla de cachotería de xisto cunha altura variable de entre 3 e 5 m.  Na parte leste da croa, zona na que a topografía presenta peores condicións defensivas, as fortificacións refórzanse con tres sucesivos parapetos combinados con outros tantos fosos.

Ao norte e oeste da croa esténdese un antecastro, un espazo que pode considerarse como unha ampliación do castro, normalmente vinculado a actividades agrarias e gandeiras, estando delimitado por un noiro de entre 3 e 4 m de altura.

Cartografía LIDAR e interpretación das estruturas defensivas

O proxecto

Todo o proxecto desenvolvido entre os anos 2025 e 2026 polos concellos de Pontedeume e Miño baixo a denominación “O CASTRO COSTEIRO DE CENTROÑA-PERBES. AS COMUNIDADES MARIÑEIRAS CASTREXAS COMO AXENTE DINAMIZADOR DOS CONCELLOS DE PONTEDEUME E MIÑO«, foi financiado  mediante as axudas da Consellería do Mar para proxectos ao abeiro das EDLP, aprobadas aos grupos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

O obxectivo do proxecto foi iniciar unha serie de actuacións para dar a coñecer a relevancia e singularidade do xacemento arqueolóxico a través dun Plan de Comunicación e Divulgación, visitas guiadas, campaña en redes sociais, desenvolvemento e deseño de web responsive, visita virtual, deseño de imaxe corporativa do castro, sinalética e folletos divulgativos. E de cara ao futuro, seguir traballando en diferentes liñas como campañas de escavación arqueolóxica que permitan un mellor coñecemento do castro, para rematar nun proxecto ambicioso de intervención patrimonial.

A Asociación Cultural Ardóbriga.

Pioneiros/as na protección e divulgación do castro

Ardóbriga, a asociación cultural para a protección do patrimonio foi creada no ano 2008 por un grupo de veciños/as comprometidos/as para crear conciencia sobre a importancia de protexer o patrimonio cultural, salvagardar os lugares arqueolóxicos existentes e conservar o patrimonio toponímico dos concellos de Miño e Pontedeume.

Dende entón a asociación organiza actividades divulgativas como charlas, exposicións, publicacións e excursións para promover a conciencia patrimonial da sociedade a través do coñecemento do noso patrimonio. Cabe destacar a defensa pública que fixeron dende a súa fundación para que o Castro de Centroña-Perbes sexa protexido e coñecido, sinalando a singularidade deste xacemento arqueolóxico dentro do Golfo Ártabro.

O vencello entre asociación e castro queda patente na elección do nome de Ardóbriga, por tratarse dun topónimo correspondente a un lugar arqueolóxico descoñecido que ben pode estar moi preto de nós, e tamén na escolla como emblema da asociación do medio torque de ouro achado nun lugar próximo ao castro de Centroña-Perbes en 1912.

Documentación

O Castro de Centroña-Perbes.

As comunidades mariñeiras castrexas como axente dinamizador dos concellos de Pontedeume e Miño. Estudo histórico

Cartografía e fotografía aérea

As comunidades mariñeiras castrexas como axente dinamizador dos concellos de Pontedeume e Miño. Arquivo PDF

Folleto do castro

Folleto divulgativo do Castro de Centroña-Perbes coa súa historia e a información para a visita.
Arquivo PDF

Folleto do castro (castelán)

Versión en castelán do folleto divulgativo, coa historia do castro e a información para a visita.
Arquivo PDF

Visita virtual

Descubre en 360° o lugar onde se localiza o castro e coñece in situ algunhas das súas características máis interesantes. Ao premer no botón abrirase en YouTube, onde poderás mirar arredor arrastrando a imaxe ou, desde o móbil, movendo o propio teléfono.

Concello de Miño

Rúa A Carreira, 38
15630 Miño (A Coruña)
Tel: 981 78 20 06

Concello de Pontedeume

Rúa Real, 13
15600 Pontedeume (A Coruña)
Tel: 981 433 054